lunes, 27 de septiembre de 2010

A PORTA VERDE EN VIGO - SÉTIMO ANDAR, POESÍA ALÉN -

FOTOS DA PRESENTACIÓN DO SEGUNDO LIBRO DE A PORTA VERDE 

"SÉTIMO ANDAR, POESÍA ALÉN"

Fonso, Pipas, Miguel, Esther, Alba, Ramiro, Ana, Rosa e Alberte.

Ramiro Vidal e Ana Cibeira

Esther

Esther, Miguel Ángel e Manoli

Ana, Fonso, Alberte e un admirador deles... eu

ROSA ENRÍQUEZ e un forxador

sábado, 11 de septiembre de 2010

REFLEXIÓN DO DÍA E DA NOITE

Un trazo característico dos réximes fascistas e a supresión dos símbolos democráticos  e a súa suplantación polos seus propios.



Ante isto, eu berro un NON forte e decidido.


"A memoria dun colectivo non debe ser borrada. O pobo que esquece a súa historia está condenado a repetila".

miércoles, 8 de septiembre de 2010

Agardabamos

Agardaba a luz nacer

baixo aquel carballo tristeiro...

agardaba o vento mareiro
a quentura do sal na pel...

agardaban os meus ollos o tacto dos teus
nun instante asolado pola negrura dunha noite apiques de esmorecer…


eramos dúas cunchas que agardaban, húmidas,
o derradeiro amencer,
un xunto o outro
sen saber que dizer…


e a noite fíxose día
e o día chegou sen mergullo,
e a humidade trocouse en bagoas afogadas
pola dor do final…


todo isto… mentres agardabamos
ver nacer a luz
baixo aquel carballo tristeiro


todo isto… mentres agardabamos
que o vento mareiro
sentira a quentura do sal na pel


agardabamos



Elvira Millán e Miguel Ángel Alonso

viernes, 20 de agosto de 2010

Xa están aquiiiiiii!!!!



"Sétimo andar, poesía alén"


en Galicia Hoxe!


A Porta Verde do Sétimo Andar edita o seu segundo libro

miércoles, 18 de agosto de 2010

NOVO LIBRO DE A PORTA VERDE




Con portada de Roberto Alonso Diz e a participación de Ana Cibeira, Rosa Enríquez, Alfonso Láuzara, Alba Méndez, Alberte Momán, Mariola Soutelo, Manolo Pipas, Ramiro Vidal e eu mesmo, chega á imprenta a segunda entrega da modesta aportación do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar á literatura galega.

Un novo libro colectivo de poemas, baixo o título de Sétimo Andar, Poesía Alén.


Trazo un zero infinitum no teu corpo
e pode que morra no proceso
                                                          seino

mais está na natureza deste animal finxido

que son,

deambular polas rúas dese astro
que ten o teu Nome no seu ventre novo
case recen creado
                                                   e inda así…

tan familiar,


e é por todo isto e máis

que trazo un zero infinitum na túa pel
con dedos de tristeza e silencio,

sempre en silencio…

pois temo espertar ó Deus
que durme no teu interior
cos ollos abertos…

jueves, 29 de julio de 2010

Agarimas os meus dedos



co teu espido corpo


que todo o abrangue


nesta atardecida de silencios….


no que buguinas celestes


constrúen a madrugada….






Os teus ollos tecen ao meu redor


símbolos que enchen de cor


a mar que calma, agarda…


e un diminuto cangrexo debuxa


no meu sexo unha porta


de rizada ollada






os segundos non camiñan,


arrástranse…


e un peixe durmido


finxe estar morto nunha estrela


que nunca descansa.






Érguense promesas de maternidade


no teu ventre, a miña casa,


e as túas pernas asemellan ser


a mesma area fundida na auga.






Estou rendido, prendido, perdido…


mentres agarimas os meus dedos


co teu espido corpo


que todo o abrangue


nesta atardecida de silencios…






no que buguinas celestes


constrúen a madrugada.

REVISTA ATENEA Nº 38 -ESPECIAL POESÍA


SUMARIO ATENEA 38


ESPECIAL POESÍA VERÁN 2010


EDITORIAL

BIBLIOTECA - HEMEROTECA

RADIO FILISPIM

O PARNASO

 
MIGUEL ÁNGEL ALONSO DIZ

ALFONSO RODRÍGUEZ

JOSE L. DUCID

Mª XOSÉ MOSQUERA BECEIRO

OLAIA PAZOS

MIGUEL ALONSO

LUCIA SOUTO COSTOYA

XOAN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE

ARTURO LEZCANO FERNÁNDEZ

ALBERTE MOMÁN

JORGE MIGUEL GAGO CHAO

ELISA ALVES ANEIROS

ALFONSO LÁUZARA MARTÍNEZ

JUANA CORSINA GONZÁLEZ FRAGA


 
CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

María Xosé Villar Corral

DESEÑO, MAQUETACIÓN e ILUSTRACIÓNS

Cocinanegra



jueves, 8 de julio de 2010

DIEGO DE GIRÁLDEZ -VIDEO OBRA-

lunes, 5 de julio de 2010

CASA MUSEO DIEGO DE GIRÁLDEZ



ODA A DIEGO DE GIRÁLDEZ



Formas… formas xogando na lareira


tentando saír dese papel de estraza

que as eleva máis ala da súa propia realidade.

Formas que transcenden a súa verdadeira

acadando significados ata a chegada da túa verba

agochados nun traxe de surrealidade.

“Un obxecto é un astro no espacio” – dixeches

e eu podo ver como este avanza amodo

polo ar, pola terra,

polo cadro tecido por esa mirada

a túa,

sempre doce e sinxela,

humildade nun pincel no que cabe toda a humanidade.

E síntome pequeno ante esa palabra que nace, berra e medra

contra esa anatomía que ti desvelas

co silencioso camiñar da herba.

E síntome pequeno, xa o dixen,

ante este ourive do mundo suspendido no tempo,

do espazo poético, do trazo ilimitado,

do verso debuxado,

co cabo termina por atraparme…

dentro do seu doce e sinxelo marco.

martes, 29 de junio de 2010



"As voces do pan" é un proxecto criado no seo do colectivo poético "A porta verde do sétimo andar". Baixo a coordinación de Miguel Ángel Alonso Diz xurdiu un proxecto aberto, o obxetivo, dar unha resposta poética a unha emerxencia cívica "Todo vai desaparecendo nun lento proceso que esgalla da propia ialma desta cidade a súa esencia.(...) Que é o que quedará de nós? Quen somos nós? Qué lle deixamos aos nosos fillos?".


Finalmente o proxecto contou coa participación de nove poetas e poetisas. O 28 novembro de 2009, nun acto que tamén se definiu como revindicativo; Miguel Ángel Alonso, Alfonso Láuzara Martínez, Rosanegra, Enrique Leirachá, Cruz Martínez, Celso Alvarez Cáccamo, Alberte Móman, Lois Magariños e Manolo "Pipas"; recitaron os seus poemas ante o público do Café Uf; trece poemas que posteriormente foron editados nun poemario.

viernes, 18 de junio de 2010

XERACIÓN NADA XERACIÓN IDA!

         (unha voz)                                                                  (varias voces)

Xeración marcada                         xeración mantida!
Xeración mercada                         xeración suicida!
Xeración mutilada                         xeración durmida!
Xeración roubada                         xeración rendida!
Xeración afastada                         xeración fuxitiva!
Xeración deostada                        xeración caída!
Xeración enganada                       xeración luída!
Xeración estudada                        xeración destruída!
Xeración castrada                         xeración perdida!
Xeración cegada                           xeración adoecida!
Xeración violada                           xeración estarrecida!


Xeración ancorada neste verso lento...


Xeración de nenos                         xeración a menos!
Xeración de xogos                        xeración sen soños!


A miña xeración...

jueves, 17 de junio de 2010

PECHADOS

Pechados




enclaustrados nas sombras

incrustados nas rochas



baleirados do zume bendito



De este xeito penamos

os nosos delitos…



Vencidos inimigos

caídos, luídos



sostidos polos soños perdidos



cheos de esquecemento

e por suposto esquecidos…



condenados a vagar

cun papel durmido…



De este xeito pagamos

a nosa falta de compromiso.



Castrados, comprados,

ananas sombras

baixo un vento calmo,



orfas cunchas

linguas de trapo,



xeración de covardes

ideais de farrapo,



De este xeito mostramos

o noso rostro máis acedo.



Mentireiros de saldo

mestres da desculpa

e dos amenceres amargos



Magos da nada

e do tempo asasinado



Herdeiros dos degoiros

que outros desexaron



creadores de fume

fornicadores de barro



engaiolados nun circulo

á mercé do amo



De este xeito ficamos

absoluta e definitivamente….



Pechados.

martes, 15 de junio de 2010

TRAIZÓN E MORTE


O PEREGRINO



     



Pinchar no texto para descargar o poema


lunes, 14 de junio de 2010






Hoxe estou lonxe do mar
da súa mirada curtida
do seu amable abanicar.

Lonxe tamén da tormenta temida
dos seus negros ollos
espellos da derradeira ferida.

Lonxe tamén dos soños cegos
e das súas fráxiles cores
carrexando esquecidos tempos.

E xa non albisco amores
dende a orela esgotada
que calmen do meu corazón, os ardores.

E xa non sinto a alma cansada
espallándose entre peixes e gaivotas
de elegantes traxes e ollada enloitada.

As embarcacións son illas rotas
no ventre do invisíbel mar,
outra vida, suaves mans rotas.

Hoxe, estou lonxe do mar,
da súa mirada durmida
do seu salino abanicar.

viernes, 11 de junio de 2010


Proximamente : TRAIZÓN E MORTE

lunes, 7 de junio de 2010




Teño no meu interior
un verme que loita
por esgallar do meu leito
a súa esencia.

E loito, loito
polas viuvas virxes
de ollada tristeira

loito para que ese verme
do meu ventre desapareza
e ó cabo non termine
por converterme nunha fría estatua cega.

Loito, loito polos mares
de augas rendidas e negras
que transportan no seu lombo
as palabras que a morte nega.

E rezo, rezo na bocanoite
porque ese verme me esqueza,
rezo polos soños desta terra silandeira.

Teño no meu interior un verme
que ata a lingua senlleira,
con adivais invisibles
que a razón fumega.

E loito, loito
polas fillas durmidas
que viven nas estrelas,

loito dende este cadro
que asemella ser fronteira.


Foto de: Fátima Vale

sábado, 5 de junio de 2010

Querido amigo:
hoxe é un día gris cheo de nubes cansas e tristes, no que os ollos, labrados polas bágoas asemellan silandeiras figuriñas de terra
hoxe os segundos carrexan recordos que van chegando sen permiso até o peito oprimido, e o ecoar das conversas, agora mudas por sempre, vai deixando na orela un arrecendo de esquecemento co que xuro loitar cada día...
hoxe meu querido amigo compartirás mesa na casa dos elixidos, e dende aquí, dende este ceo gris ateigado de nubes orfas envíoche un abrazo.
Seica non é un adeus amigo, senón un deica-logo.

Jose Carlos (5 xuño 2010)