domingo, 26 de mayo de 2013

Que quedará de nós?

 
 
 
 
Vimos de rematar esta semana unha actividade sobre Rosalía que titulamos “Ola ríos, ola fontes”.

Realizámola a través do servizo de normalización lingüística do Concello de Vigo, ao que lle estou moi agradecido polo seu compromiso e traballo a prol do galego, e por confiar en nós para achegar a Rosalía @s máis pequen@s. Non temos o nome e o nivel de difusión doutras persoas,  pero si unha fe no que facemos  e unha capacidade de traballo enorme.

Foron máis de 500 rapaces e rapazas os que pasaron polos nosos ollos. E debo dicir que a paisaxe debuxada na zona de Vigo é realmente triste no que ao idioma se refire.

Menos de 15 rapaces eran galego falantes. O resto eran castelán falantes en exclusiva, e debo engadir que deles uns dez, aproximadamente, amosaron algún tipo de rexeite ao escoitarme falar en galego con frases como:
“Yo soy español”; ou “no vas a contarlo en español?”,  “vaya…” – isto en nen@s de 4-5 anos.
Tamén dicir que o galego, nalgúns sitios, está desprazado como segunda lingua estranxeira detrás do inglés.  Rojo – red – vermello?

E non vou culpar aos compañeiros docentes porque o problema xa ven da casa. Os culpables somos todos nós, @s galeg@s.
O traballo de desgaleguización da sociedade feito pola Xunta está a dar os seus froitos. A verdade é que neste senso debo felicitalos porque están acadando o seu obxectivo. 
O exilio do Xabarín na TVG2 é a súa lenta morte a través dun formato gastado e contidos do século pasado foi un acerto neste sentido, xa que moit@s galeg@s comezaran a medrar fai 18 anos tendo unha percepción positiva do noso idioma, por primeira vez en moito tempo debo engadir.
Non comprendo o interese que durme baixo a premisa de ser máis pobres, máis ignorantes, máis grises. Quizais a busca da homoxeneidade,  da docilidade…

A todo isto ligo o tema das minas proxectadas en Galicia, e que xa non son unha metáfora do asasinato dun pobo, dunha terra. Senón, a realización práctica e palpable deste crime.

Imos ferir directamente a terra, destruíla, esgotala, rompela e contaminala. Acabar cos bosques, cos ríos, os animais… Con todo en definitiva.
 
 

Quizais se decataron de que:
 
Os cans falan galego
e os paxaros e os gatos,
as pitas e os porcos
xogan en galego.
 
Incluso as formigas
dan as ordes en galego.
 
Tamén falan as árbores
e a ialma do vento.
 
As flores, as avellas,
as tenras bolboretas
e o rexo firmamento.
 
O tempo no seu vagar
faino en galego.
 
Todo nesta terra
latexa en galego.
 
 
 
Quizais se decataron disto, e é por iso que agora decidiron ir contra a mesma terra. Contra a alma de Galicia.

Porque ninguén pode ser tan estúpido para facer isto dende a ignorancia.

Ninguén pode ser tan cego.

É imposible.

 
 
 
Miguel Ángel Alonso Diz
 
 
 

4 comentarios:

  1. mui bo artigo compañeiro
    traballo nas bases como o voso fai moita falla
    que quedará de nós si ouhhh
    e sobre o servicio de normalizacion do concello de vigo ...
    debe de ser do pouco que hai galeguizado no concello,
    por certo podesme traducir o nome
    poetry slam
    que eu son de aldea

    unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas meu amigo.

    O servizo de normalización do concello é marabilloso.
    Persoas implicadas e traballadoras incansables. Ben podes recibir un correo ás sete da mañá como ás tres da tarde. Cando non chaman ás 17h.
    Do resto do concello non podo falar por descoñecemento, pero deles só podo dicir cousas moi boas.

    Respecto o da tradución (eu tamén son da aldea, de moitas aldeas); é difícil... Hai unha que me gusta:
    lectura de poesía normalmente buliciosa.

    No noso caso é unha festa da palabra que fuxe da competición. Escoitar recitar nun mesmo acto en inglés, portugués, castelán, italiano e galego non é doado, e podo dicir que é fermoso.

    Unha aperta meu!!

    ResponderEliminar
  3. graciñas
    pois moitos que dan a cara polo concello
    e aos que nos lles pagamos podian apuntarse
    a ese servicio de normalizacion
    empezando polo alcalde,
    do eslan que a min me sonaba a competicion deportiva
    eu oira que era un concurso poetico
    con gañadores e perdedores
    será fermoso non o duvido
    e o galego gaña ao compartir
    pero seguen aumentando os espacios non galegos
    os bilingües os triligües...
    e os espacios galegos disminuindo

    unha aperta

    ResponderEliminar
  4. graciñas
    tentei publicar outro comentario hai uns dias e algo fallou
    o que fai o servicio de normalizacion é o seu traballo
    e para iso lle pagamos, tamen lle pagamos as outras concellalías e estragan a lingua os nosos parques...
    pero esa é outra historia ,
    eu tiña entendido que o poetry slam é un concurso
    con gañadores e perdedores
    e compartir é fermoso pero o galego segue perdendo falantes
    e espacios sen trazas de cambiar a tendencia
    unha aperta

    ResponderEliminar