miércoles, 7 de abril de 2010

O peregrino

Comezo
Ilusión
Paso
A
Paso

Primeiras conversas

Primeiras costas

Suor

Paso
A
Paso

O cansazo vaise achegando
paseniño

Paso A Paso

Pensamentos no silencio
pois as conversas
xa ficaron mortas no pasado
das pegadas xa pisadas por outros.

O sol tenta fuxir do cadro
e píntanse as nubes enriba dos ollos case pechados polo esforzo.

Paso a paso
os soños vanse abrindo camiño polos carreiros descoñecidos
e até ese intre durmidos.

Descanso

Alimento

--

E volven as conversas ós beizos húmidos pola choiva que nace
e o camiño torna en regueiro de barro e bágoas

promesas vanse forxando nos corazóns
e o azo parece esmorecer polas fendas das pedras
que serven de guía.

Neste camiño xa andado polo pasado
repasado e calado

volta o silencio os beizos labrados
e unha raiola de sol fuxitivo
bica a nosa pel
antes de morrer na noite

--

Non podo…

Non son quen de…

Pensamentos en resta
escarvan a boa vontade
e o desexo de parar creba as boas palabras.

Medo

O medo medra polos brazos cansos
polas pernas preñadas de fume

Non podo…

Non son quen de…

E a noite asume o seu verdadeiro significado
neses ollos case pechados polo esforzo

e despois…

Durmo…

--

Comezo,

cansazo e ilusión renovada
pernas de pedra en corazóns de aire,
conversas que flotan no baleiro do novo día
transforman as horas en segundos

Un anxo viu a visitarme na noite
e regaloume unha confesión o oído

Ti podes…

E paso a paso
loito contra min mesmo
neste camiño que cada vez sube máis

Chegarei ó ceo?

Paso
A
paso

Morre o tempo
e os km esculpen nos meus pes
dous xigantes inimigos

Volvo a esmorecer…

pero recordo a confesión do anxo:

ti podes

e o seu murmurio lévame nas horas de fértil silencio

Chega a noite de novo e atópame espido ó resío

Seica estou máis cerca de ti
inda que non te vexa…

Durmo

--


Pelexo cos demos que queren converterme en pedra entolecida
e salgo cando o día inda é un pequeno neno sen nome.

Chove , móllome e renazo…
promesas…

promesas no máis absoluto dos silencios

até as pedras calan
cando os meus pés sucan seu corpo

--


Santiago

Ó lonxe xurde un soño
ante os ollos case pechados polo esforzo..

e as pernas perden o sentido
latexan os brazos, as mans, os beizos

e volven as conversas os beizos eternamente
tatuados cun sorriso celestial

Si podo…

Si son quen…

Dou grazas o anxo
apuro case corro
polas
costas
que
asemellan
baixadas

--

Santiago

Berro na praza regada polas bágoas da maior das felicidades.

Santiago

E un anxo pousa os seus dedos nos meus ollos
que xa endexamais estarán pechados polo esforzo.

Luz, vivo, renazo!!!!

Promesas!!!

Eterno gozo…

Santiago…

No hay comentarios:

Publicar un comentario