viernes, 19 de marzo de 2010

Non vos enganedes
porque eu son o silencio,
o silencio da noite

(o silencio da morte)

O silencio da pedra que medra
nos teus ollos de terra
como unha campa friorenta
ou unha buguina carrizenta

Non vos enganedes, non,
porque eu son o verbo
que deita no teu lombo
as súas patas medoñentas

(o silencio dos mortos)

E no meu ollar calado
agocho unha dor insostíbel
en eterna fotosíntese…

Non vos enganedes
porque coas miñas mans espidas
sosteño palabras murchas
dun microcosmos inexistente.

(o silencio da morte)

E non dubidarei en pousar
a miña carne finxida
nos vosos beizos engurrados,
para o cabo…
obter un sorriso enloitado.

Non vos enganedes, non,

o silencio da morte fálavos

o silencio dos mortos…

jueves, 18 de marzo de 2010

A nosa clase política

Nego dos que din que din
e non din nada
mentres deixan a batalla
na pluma doutros
coma a unha vella abandonada.

Renego dos que fa que fan
e non fan nada
mentres choran polas tabernas
o eterno da súa desgraza.

Nego e renego dos que din que fan
por esta a miña terra amada
mentres enchen os petos
e ensucian a nosa ialma.

martes, 9 de marzo de 2010

Direivos que non!

Direivos que non!
porque si
porque me peta

Direivos que non
dende estes ollos de mirada tristeira.

Porque non quero rendir o meu pincel
a ningunha moeda
nin alimentar ese medo
que nas noite medra.

Direivos que non
porque si
porque me peta

Direivos que non
dende a afastada ribeira

Porque non desexo
que os meus trazos se perdan
no infindo aballoar de voces
que esta casa encerra.

Direivos que non amigos da poesía
Direivos que non amigos da pintura

Direivos que non …
Sinto medrar…
que máis podo pedir?

Sinto medrar en min…
que máis podo pedir?

Sinto medrar en min unha palabra…
que máis podo pedir?


Sinto medrar en min unha palabra que fire…
que máis podo pedir?


Sinto medrar en min unha palabra que fire os meus silenzos
que máis podo pedir?


Que máis podo pedir?

lunes, 1 de marzo de 2010

Poemas pequenos -III -

Quen é o tempo?

O tempo é un señor moi vello
de longa barba e neve no cabelo,
que no seu eterno vagar
elevase cara o ceo
levando consigo un reloxo dourado
cheo de caramelos.

Non, non!
ese non é o tempo.

O tempo é un home moi atarefado
que sempre anda correndo,
co seu maletín as costas
endexamais está ledo,

e o seu reloxo asemella sempre canso
e no seu ollar adiviñase o inverno.

Non, non!
ese non é o tempo.

O tempo é unha rapaza ousada
que viste enormes faixas,
a súa face é sempre avermellada
e na súa mirada un sorriso descansa,

e leva consigo un pequeno reloxo
onde os segundos alegres cantan.

Non, non!
ese non é o tempo

O tempo é un neno rebuldeiro
que aínda ten tenra a ollada,
sempre berra moito
e a súa curiosidade non ten parada,

e non sabe o que é un reloxo
e nunca atende a chamadas.

Poemas pequenos - I -

Na aldea do meu tío
había antes un gato
que se chamaba pío,pío,
cando naceu era ben
pequeniño, pequeniño.

Tiña unha orella verde
e a outra azul
e cantaba como un paxariño,
o seu xeito era moi doce
e camiñaba dando saltiños.

Cando eu chegaba
enchíame de aloumiños,
cando eu marchaba
inchábaselle o fociño.

Agora xa non hai
na aldea do meu tío,
ningún gatiño como aquel
o que chamaba pío, pío.
Danzan as rapazas
o son do tambor
que co seu calor
abanica as estrelas.

Quentura de fiestras
gorxas que latexan,
rítmico batucar
esnaquizando as cadeas.

¡Son, son!
o son do tambor
xurde o amor
esquécense as regras.

¡Son, son!
o son do tambor
con doce sabor
mestúranse as letras.

Son, son!
o son do tambor,
falan as vellas
ao meu carón

Son, son!
o son do tambor,
tremen os pais
volta o tambor
co ¡son, son!
desta eterna canción.



Poema de Sete máis Siete