Hoxe estou lonxe do mar
da súa mirada curtida
do seu amable abanicar.
Lonxe tamén da tormenta temida
dos seus negros ollos
espellos da derradeira ferida.
Lonxe tamén dos soños cegos
e das súas fráxiles cores
carrexando esquecidos tempos.
E xa non albisco amores
dende a orela esgotada
que calmen do meu corazón, os ardores.
E xa non sinto a alma cansada
espallándose entre peixes e gaivotas
de elegantes traxes e ollada enloitada.
As embarcacións son illas rotas
no ventre do invisíbel mar,
outra vida, suaves mans rotas.
Hoxe, estou lonxe do mar,
da súa mirada durmida
do seu salino abanicar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario