jueves, 16 de agosto de 2012

Desprezada Atenea

Miércoles, 15 de Agosto de 2012 por Henrique Dacosta

Os míticos Golpes Bajos cantaban en 1983 o de “Malos tiempos para la lírica”. Non temos claro se naquela altura os tempos eran pouco aptos para a poesía e, por conseguinte, para as artes e a cultura en xeral. Mais hoxe véñennos á cabeza, e de que maneira, reactualizándose con máis pulo que nunca. Así pois, a suba do IVE do 8% ao 21% condenará sen remedio a grande parte da industria cultural, de modo que a súa oferta se verá resentida até extremos insospeitados. Se o valor económico ha de primar sobre calquera outro dos que o cultural reporta, daquela a súa función esencial perderá o seu sentido, polo que habería que deslindar se cadra o que é cultura do que é puro entretemento.

A deusa grega da sabedoría, Atenea, está de horas baixas logo. Non só polo que vimos de dicir, senón porque quen escollera por lema “Un lugar de encontro para a cultura”, isto é, o Ateneo Ferrolán, áchase nun momento delicado en que ha de saber xogar moi ben as súas bazas. Un ateneo –voz procedente da deusa Atenea– é unha asociación ou lugar en que se fomentan os coñecementos científicos, literarios e artísticos das persoas mediante, p.e., conferencias e cursos. O Ateneo Ferrolán actual nace en 1976. Á calor dos movementos sociais que despertan á participación política e cultural soterrada durante décadas de ditadura, xorde como verdadeiro catalizador durante dúas décadas, 70 e 80 principalmente, destas inquedanzas en Ferrol.

No Estado español o ateneísmo gaña preponderancia a partir do séc.XIX. A necesidade de levar a cultura ás clases populares, goza dun enorme predicamento, sobre todo porque actúan como verdadeiras universidades populares. Así pois, o elemento republicano é de notar na nosa cidade para a fundación do primeiro dos ateneos. O efémero Ateneo Artístico, Científico y Literario de Ferrol durará só un ano (1879-1880), facendo parte del personalidades relevantes, republicanos e masóns: Santiago de la Iglesia e Francisco Suárez García, ou o médico e naturalista López Seoane e o enxeñeiro militar Andrés Comerma. O segundo deles foi o Ateneo Ferrolano (1903-1917), no que encontramos, entre outros, o avogado Rodrigo Sanz e o médico Emiliano Balás. O terceiro será o Ateneo Sindicalista de Ferrol (1914-1915), cuxo maior logro foi a organización dun Congreso Internacional en favor da Paz, levado a cabo xunto con outros grupos libertarios da cidade. Outro, Ateneo Ferrolano (1931-1936), e tamén o Ateneo Cultural de Ferrol Viejo (1934-1936) serán os antecesores do que nace en 1976.

Da primeira sede social que o actual Ateneo Ferrolán tiña alugada na rúa do Sol, pasouse ao edificio Carvajal, sito no nº 202-204 da rúa Magdalena. Pedro Carvajal de Castro fixera doazón á Beneficencia Municipal dos seus bens acumulados, entre eles esta casa. O tal edificio foi cedido polo concello ao Ateneo Ferrolán, e estreado en 1986 tras unha severa rehabilitación, onde son de destacar os balcóns de forxa de ferro no exterior, mentres no interior foi necesario un tratamento distinto para albergar espazos para exposición, así como para a biblioteca no andar superior, e o salón de actos na inferior. Trinta e un millóns de pesetas custou o emprendemento neste belo edificio da segunda metade do séc. XVIII, dos que 5 foron achegados polo Ateneo, outros 5 polo Concello e 21 polo MOPU.

A actual nova rehabilitación do edificio do Ateneo Ferrolán é froito dunha demanda que naceu dez anos atrás. Problemas de espazo para a boa ubicación e manexo da biblioteca e hemeroteca, así como a resolución de humidades foron a base para esta rehabilitación. Non sabemos até que punto este edificio de titularidade municipal, aínda que xestionado polo Ateneo integramente (con traballadores asalariados propios e mantemento económico propio), pode ser da noite para a mañá modificado en funcións por decisión unilateral dun grupo de goberno con maioría absoluta. Non negaremos o pouco dinamismo dos últimos tempos da entidade, claro que non, cuestión cíclica que podemos observar xa nas actas do segundo ateneo (1903-1917), coa queixa de non saber atraer a profesionais que, recén saídos das súas carreiras, poderían inxectar seiva nova á sociedade, a reiteración de certos temas nas conferencias ou a ausencia ás sesións de moitos dos seus socios.
 
O presunto aforro, hoxe coa brutal crise económica, parece ser a panacea para a SAF e a asociación de veciños do barrio (contan con locais propios) seren aquí ubicadas por mandato municipal, ademais da mudanza do nome para Centro Cultural e Cívico Concepción Arenal. Estraña solución, a de desvestir un santo para vestir outro, e o cariz político con que se vén alterar a ‘pax’ cultural habida até estes momentos, cando o concello podería habilitar para o caso, p.e., un precioso espazo no neutro e infrautilizado Centro Cultural Torrente Ballester, non lles parece a vostedes? En fin, amigos, que dados os “malos tiempos para la lírica” que corren está visto que non hai peor cousa que as árbores nos impidan poder ver o bosque.

No hay comentarios:

Publicar un comentario