viernes, 10 de agosto de 2012

LOBOS



Na gran sala dos Ministerios escoitase un murmúreo de pequenas, medianas e até  altas voces en posición de desaprobación.

-Non é posíbel!.
-Infame!!
-Como se atreve?
No medio deste coro un neno de ollada espida sostén nos seus brazos un pequeno e vello libro que berra na súa portada: “O Principiño”.

-Tranquilos Señores!. Tranquilos!. Vai dar comezo o proceso contra Pedro Barreiro – di un home de longo bigote encerellado.

O silencio debuxa na sala un mar de rostros grises, e todos os oculos ensartan o seu bafo na pequena figura de Pedro, que nun acto instintivo apreixa contra o seu peito o vello e pequeno libro.

-Bos días compañeiros!. Como responsable do Departamento de Homoxeneización e Educación, hoxe estou aquí para por no voso coñecemento o acontecido onte na Escola Unitaria da Vila.

-O aquí presente, foi sorprendido mentres lía un libro non autorizado. Así mesmo, atopóuselle na súa mochila catro libros dos considerados perigosos pola súa incitación ao pensamento creativo, heteroxéneo, e soñador!. – unha marea de odio enche as garabatas dos políticos de enerxía.
As palabras esvaran polo corpo de Pedro, e lobos invisibles traban os seus pés mentres olla unha inscrición luída, que pendura morta do teito: “Sapientia est potentia”.

-… condenase a morte a Pedro Barreiro. Ten algo que dicir o culpable?.­- pregunta axitando divertido o bigote.

-Si. “As estrelas non significan o mesmo para todos”. – e dito isto, os lobos arrédanse do seu corpo.



Texto: Miguel Ángel Alonso
Ilustración: Luz Beloso

No hay comentarios:

Publicar un comentario