O Concello de Allariz busca músicos para participar na programación da Semana Santa ao Vivo que se
celebrará do 5 ó 8 de abril.
A Semana Santa ao Vivo é unha proposta cultural de ocio nacida no ano 2000, motivada pola grande
cantidade de turistas presentes durante estas datas na vila alaricana.
Como cada ano, o departamento de Promoción Económica do Concello de Allariz continúa traballando para organizar a programación da Semana Santa ao Vivo, unha alternativa diferente que, conxuga música, tradición e cultura para que todo aquel que visite a vila nesas datas se quede coa esencia do que é Allariz.
Este proxecto cultural abarca sobre todo música de rúa, nos seus variados estilos folk, jazz, worldmusic, étnico, blues, etc. Esta é unha peza fundamental, que ameniza os paseos dos transeúntes en diversos espazos do casco antigo.
Como segundo ano consecutivo proponse un formato novidoso para contactar con músicos que se encargarán de darlle vida á Semana Santa. O Concello organiza unha selección na que poderán participar todos aqueles músicos, grupos ou solistas, que estean interesados en actuar nas rúas de Allariz durante a Semana Santa.
Os interesados/as deben contactar, antes do 10 de marzo, co departamento de promoción económica de Allariz no correo electrónico
dinamizacioneconomica@allariz.com ou no teléfono 988442210.
No hay comentarios:
Publicar un comentario