viernes, 2 de marzo de 2012


PROGRAMACIÓN MARZO 2012

ESTOXOS VIAXEIROS: Destino China

Continuamos a nosa viaxe polo afastado oriente deténdonos nesta ocasión na China. Da man da nosa amiga Wang Fei aprenderemos novas receitas, novas paisaxes e unha nova lingua ao tempo que nos divertimos xogando. Este estoxo súmase a nosa colección para que o levedes a casa e gocedes toda a familia coñecendo novas culturas.

Sábado 10 de marzo ás 12.00 h
Lugar: Biblioteca Xosé Neira Vilas.
Destinatarios: Actividade para a familia.

A HORA DOS CONTOS: O universo

Nesta ocasión Trini contaranos historias e contos, algúns orixinais, onde descubriremos moitos segredos do universo. Tamén faremos algunha actividades relacionada coa temática e traballaremos no noso Diario de Lecturas.

Sábado 17 de marzo ás 12.00 h
Lugar: Biblioteca Xosé Neira Vilas.
Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos.

OBRADOIRO: creación de cómic

Este obradoiro de creación de cómic está destinado a aproximar aos participantes a este xénero e proporcionarlles as claves básicas á hora de enfrontarse á tarefa de realizar unha historieta:
Introdución ao proceso de creación dun cómic, dende a idea á impresión.
Elaboración dun guión dunha páxina a partir dunha noticia, unha canción, chiste, etc.
Creación da páxina:
Formato, planificación, orde de lectura, montaxe.
Debuxo a lapis.
Tinta, plumilla, rotulador, pincel, tableta gráfica.
Cor dixital, Photoshop.
Rotulación, onomatopeas, tipografía.
Así, ao longo das tres sesións os participantes elaborarán unha historia de unha páxina.

Do 21 ao 23 de marzo de 19.00 a 21.00 h
Lugar: Biblioteca Xosé Neira Vilas.
Destinatarios: Actividade socios da biblioteca maiores de 16 anos.
Aforamento: 15 prazas (Previa inscrición)*

*Inscrición para o obradoiro:
Os interesados en participar neste obradoiro poden formalizar a súa inscrición do 1 ata o 17 de marzo de forma presencial na biblioteca, mandando un correo electrónico a bpneiravilas@vigo.org indicando os seus datos (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e correo electrónico) ou ben a través do teléfono 986 267 759. O obradoiro é gratuíto e as prazas cóbrense por orde de inscrición.

DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA

Para conmemorar que o 21 de marzo e o Día Internacional da Poesía, ao longo da semana propoñémosvos a todos aqueles que o desexedes colaborar coa nosa proposta de celebración enchendo a biblioteca cos vosos poemas favoritos: poñeremos á vosa disposición post-it de diferentes tamaños e cores que pegaremos nun lugar ben visible da biblioteca e nos que vos convidamos a que escribir un poema ou un fragmento do voso autor favorito, unha creación propia ou mesmo a letra dalgunha canción.

Do 21 ao 23 de marzo
Lugar: Biblioteca Xosé Neira Vilas.
Destinatarios: Todos os usuarios e visitantes da biblioteca

O RATO COMELETRAS

O 24 de marzo a Biblioteca Xosé Neira Vilas cumpre un ano e para celebralo, e rematar tamén a semana adicada á Poesía, visitará a biblioteca o Rato Comeletras, que se presentará aos nenos e falaralles dun dos seus grandes amigos: Fréderick, un rato poeta. Despois de coñecer a historia de Leo Lionni, os participantes no obradoiro construirán un Comeletras en tamaño real, decorarano e rematarán a actividade adicándolle unha poesía.

Sábado 24 de marzo ás 12.00 h
Lugar: Biblioteca Xosé Neira Vilas.
Destinatarios: nenos de 3 ata 10 anos


O SABADIÑO DE ROQUE : As cores

Nesta ocasión a nosa mascota visítanos o último sábado de mes. Roque neste día falará do marabilloso mundo das cores, que coñeceremos gracias aos contos e o obradoiro. Sen esquecer as súas cancións de benvida e despedida, xa coñecidas por todos.

Sábado 31 de marzo ás 12.00 h
Lugar: Biblioteca Xosé Neira Vilas.
Destinatarios: nenos de 3 ata 10 anos.

Séguenos

Horario:
Mañáns: de martes a sábado de 11:00 a 14:00h
Tardes: de luns a venres de 17:00 a 20:30h
Do 15 de xuño ao 15 de setembro
Apertura de tarde ás 18:00h

2 comentarios: