A iniciativa Vitaminas para o Galego chega ás 25 cabeceiras asociadas e prepara un festival de música e poesía para o 27 de abril, que terá lugar na Gentalha do Pichel, en Santiago de Compostela (coa presenza xa confirmada de Terbutalina), así como varios eventos para o 17 de maio. No horizonte tamén está a posibilidade de constituír unha asociación de medios en lingua galega que sirva para incrementar a capacidade de influencia destes medios diante das administracións, facilite a posta en práctica de sinerxías, tanto a nivel comercial como creativo, e contribúa á promoción do labor xornalístico de todos eles.
O obxectivo da campaña, en palabras dun dos seus principais impulsores, Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, a rede de emisoras municipais de Galicia, é dobre: “sensibilizar sobre a necesidade de que haxa medios de comunicación en galego para garantir a transmisión interxeracional”, ademais da “procura de recursos económicos para axudar á supervivencia dos medios”.
Polo de agora a iniciativa, que botou a andar pouco antes do nadal, vai cumprindo obxectivos, recadando case sete mil euros a través de douscentos micromecenas na web de crowdfunding Verkami. Pero ademais, como salienta Sanfiz, a campaña tivo xa outros beneficios: “Só o feito de divulgar a existencia destes 25 medios é xa un ben en si mesmo. Destes 25 medios, a inmensa maioría teñen carácter local ou comarcal, cunha notable incidencia no seu ámbito, pero son moi descoñecidos no resto de Galicia”
No hay comentarios:
Publicar un comentario